Saturday 04 de May de 2024

A Ría de Muros Noia estrea unha nova páxina web que facilitará o contacto permanente con todo o sector turístico da comarca


A presidenta da ARD Ría de Muros Noia destacou a aposta por unha web viva, con contidos atractivos e permanentemente actualizados para atraer a un maior número de turistas e visitantes

A Ría de Muros Noia conta cunha renovada e ampliada páxina web: www.riademurosnoia.com, que foi presentada esta mañá por Teresa Villaverde, presidenta da ARD Ría de Muros Noia e alcaldesa de Lousame. Teresa Villaverde fixo fincapé na funcionalidade da nova web, que facilitará o contacto permanente con todo o sector turístico dos seis concellos que integran a Ría de Muros-Noia a través dunha Intranet e que permitirá tamén ofrecerlle ao visitantes unha información actualizada e atractiva sobre este destino turístico e a propia información dos establecementos hostaleiros, de restauración e de turismo asociados.

“Poremos en marcha listas de distribución de WhatsApp, mailing e a propia Intranet da web para que a comunicación cos distintos actores turísticos da Ría de Muros-Noia sexa o máis fluída posible”, asegurou Teresa Villaverde, quen aproveitou tamén para agradecer o traballo realizado polas empresas que desenvolveron o sitio web e polas numerosas persoas que colaboraron na recollida dun gran volume de información e contidos para a páxina web.

Tres seccións

A nova páxina web está estruturada en tres seccións principais. A primeira é a “Sección Profesional”, que inclúe unha Intranet privada para as comunicacións entre as entidades do sector turístico da Ría de Muros Noia. A maiores, inclúe o tradicional apartado institucional no que se inclúen información sobre a ARD Ría de Muros Noia (composición, estatutos, convenios, actas das asembleas…) e unha Sala de Prensa con información sobre a asociación e materiais gráficos para os medios de comunicación.

A segunda sección está dedicada ás Redes Sociais: Instagram, Facebook e YouTube. Unhas redes que cada día se consolidan como a canle máis habitual de comunicación da Ría de Muros Noia cos turistas e cos propios veciños e veciñas da comarca.

Finalmente, a terceira sección está orientada directamente a fomentar a chegada de turistas e visitantes. Unha sección que estará en permanente actualización para ofrecerlles propostas diferentes para visitar a Ría de Muros Noia: dende recomendacións para cada época do ano ata consellos para planificar a estancia na zona: como chegar, onde durmir, onde xantar e un directorio de teléfonos de utilidade.

A maiores, a web actualizarase continuamente con propostas para “Que facer” na visitas, incluíndo un Top 10 coas propostas estrelas seleccionadas dos distintos municipios, un apartado de rutas de sendeirismo e BTT, un detallado percorrido polas praias, miradoiros e todo o que se pode facer sobre a ría. Todo isto complementarase con información individualizada sobre os atractivos turísticos de Lousame, Muros, Noia, Outes e Porto do Son.